INTRODUCIÓN
O xornalismo en México actualmente está vivindo baixo a presión dos distintos grupos de poder e baixo a presión do narco e do crime organizado. En moitas ocasións, danse casos de autocensura dos propios xornalistas, xa que non poden publicar todo o que lles gustaría se queren conservar a súa vida. Algúns medios optaron por eliminar o nome do reporteiro que cubre as noticias policíacas, reduciuse a cobertura da violencia e inténtase evitar noticias que perxudiquen ao narcotráfico. A liberdade de expresión e a liberdade de prensa, dende o ano 2000, sufriron un deterioro importante, debido a un sistema de xusticia débil e desbordado e a un sistema político e xudicial corrupto. México é o país máis perigoso de América Latina para os medios de comunicación, segundo a organización Reporteiros sen Fronteiras. A maior parte dos crimes quedan impunes, debido sobre todo á gran corrupción imperante no país. En moitos casos, cando se asasina a un xornalista, a sociedade non reacciona, tratando ao xornalista coma a un profesional de pouca relevancia, ao contrario do que pasaría se, por exemplo, se tratase dun médico ou un avogado. Os ataques contra os xornalistas son un ataque contra a sociedade, non simplemente feitos illados. Forman parte dunha serie de accións que corresponden ao que é a presencia de grupos delicuenciais no poder. A presión e a intimidación aos medios de comunicación formaron e forman parte da historia mexicana, por parte do poder e do crime organizado e do narcotráfico, ou incluso da unión de todas. Nalgúns informes sobre o exercicio xornalístico en México, fálase de que os xornalistas están atrapados entre dous lumes: a violencia das institucións e o crime organizado. No que levamos de 2016, segundo Reporteiros sen Fronteiras, foron asesinados un total de nove profesionais dos medios de comunicación mexicanos pola súa actividade xornalística, dun total de 58 en todo o mundo, o que supón o 15,5% dos asasinatos mundiais. Ademais, na clasificación de países por liberdade de prensa realizada por esta mesma organización, México atópase no posto número 149, de 180 que hai en total. |